Reseña da Xornada sobre Carpinteiros de Ribeira, 10 de setembro

O pasado 10 de setembro e organizado pola delegación Territorial do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España, celebrouse na sala Carlos III de Exponav, unha sesión monográfica adicada á Carpintería de Ribeira, gremio que actualmente ocúpase da construción artesanal e reparación, igualmente artesanal, de pequenas embarcacións en madeira, pero que durante varios séculos levou o peso da Construción Naval en España.

 

A xornada comezou cun acto de benvida a cargo do Decano Territorial D. Jorge Dahl, o Xerente de Exponav D.  Rafael Suárez e o Presidente de AGALCARI (Asociación Galega de Carpintería de Ribeira) D. Ramón Collazo.

A sesión tivo lugar un día antes da botadura da Fragata Bonifaz, terceira unidade na Armada con este nome, e buque que é un claro expoñente do estado da arte a nivel mundial da Tecnoloxía e da Construción Naval.

Na súa introdución Jorge Dahl recordou aos presentes que Ramón Bonifaz, mercader, mariño e primeiro Almirante de Castilla, comandou unha flota de trece naves e tres galeras que contribuíron de forma significativa á conquista de Sevilla no 1248. Flota construída integramente nos Estaleiros Cántabros (Guarnizo, Santoña, Colindres) que, xa no século XIII, destacaban pola robustez das súas construcións. O Estaleiro de Guarnizo converteuse co tempo na “Xoia da Coroa”. Neste estaleiro, e posteriormente nos Arsenais da Armada, nos que xogou un papel predominante o Arsenal de Ferrol, construíronse nos séculos XVI y XVII, as mellores unidades entregadas á Real Armada.

Estes arsenais e os estaleiros que medraron ao seu amparo, foron evolucionando progresivamente, dende os coñecementos adquiridos e técnicas empregadas como Carpinteiros de Ribeira, aos estaleiros de principios do século XX e actuais, capaces de deseñar,  construír e entregar buques como o que se botará mañá.

Rafael Suárez sinalou, ao igual que xa o fixera Jorge Dahl, a necesidade destas charlas, debido a que existe un descoñecemento bastante xeralizado entre os Enxeñeiros Navais da historia da Carpintería de Ribeira, das técnicas de construción empregadas por este gremio, da capacidade actual destes estaleiros, ou mellor dito destas Carpinterías, dos seus planes de innovación, e en xeral deste gremio, orixe dos estaleiros que ao longo da primeira metade do século XX foron desenvolvendo a Construción Naval Española aos niveis actuais que os sitúan á altura de calquera estaleiro europeo ou mundial.

Tamén destacou Rafael, a divulgación que dende EXPONAV se fai desta actividade, dedicándose unha das salas do museo á Carpintería de Ribeira.

Ramón Collazo, dende a súa posición como Presidente de AGALCARI, (asociación que representa á totalidade das Carpinterías de Ribeira na Comunidade Galega) expuxo a súa visión sobre o momento que vive a Carpintería de Ribeira, que según a súa opinión, se atopa nunha situación difícil e que precisa dunha reflexión a todos os niveis para discutir as vías de innovación e dispoñibilidade que aseguren a supervivencia e relevancia da Carpintería de Ribeira no século  XXI.

Comezou a súa andadura profesional como “Mestre Carpinteiro de Ribeira” fai 40 anos, nun momento no que Galicia estaba salpicada por este tipo de instalacións, con 15 delas so en Rianxo. Hoxe so quedan 12 en Galicia e so 3 delas son capaces de construír unidades de certo porte.

As axudas fixadas pola Xunta de Galicia para a construción de buques de pesca de baixura e unidades de apoio ás bateas, primaron, na súa opinión, para a construción destas unidades en fibra ou aceiro, a pesar do baixísimo impacto medio ambiental que ten a construción en madeira.

AGALCARI creada no 2007, fixouse como un dos seus obxectivos a redacción dun “Regulamento de Construción Naval en Madeira” que reemplazase ao existente incorporando os avances tecnolóxicos, así como a creación dun selo de Calidade en Construción naval en madeira. Ese Regulamento e Certificación están pendente de aprobación polas autoridades competentes.

Indicou por último, a necesidade dun relevo xeneracional que asegure a continuidade deste gremio, e entre outras cousas, a conservación das máis de 2.000 embarcacións de distinto tipo que constitúen o Patrimonio cultural asociado a esta actividade.

Ponentes e representantes da Delegación Territorial: José M.ª De Juan-García, Rafael Suárez, Gerardo Triñanes, M.ª. Azahara Soilán, Ramón Collazo, Beatriz Spuch, Jorge Dahl

José María de Juan-García, Doutor Enxeñeiro Naval,  iniciou o seu relatorio “A Carpintería de Ribeira na Ría de Ferrol na historia a Carpintería de Ribeira na Ría de Ferrol”, sinalando as dúas frontes nos que se desenvolvía a construción naval en madeira nos séculos XIX e XX en Galicia. Por un lado, os estaleiros, que construían baseándose en planos, tiñan unha plantilla estable nos diferentes gremios e realizaban os montaxes mecánicos nos seus talleres e cos seus propios medios, e por outro a Carpintería de Ribeira artesanal que traballaban en galpóns ou incluso na súa casa, baseándose en medios modelos do casco, rexíase polo sistema de traballadores autónomos e os montaxes realizábanse por talleres mecánicos alleos.

O gremio dos Carpinteiros de Ribeira non so estaba formado por carpinteiros, senón tamén por calafates, mecánicos, veleiros, etc. Gozaban de recoñecido prestixio, e como mostra diso cabe sinalar que ao chegar os ingleses a Ferrol e facerse co control dos estaleiros, mantiveron no seu posto ao Mestre Español.

O relatorio tamén detallou o sistema de construción empregado por este gremio: o buque constrúese seguindo o sistema de construción de “Vareta”, (forro primeiro cadernas despois), consistente en fixar o forro sobre un molde e fixando despois ao forro as varengas, unha vez que se lles da forma mediante un baño de vapor.

José María fixo unha reseña das distintas Carpinterías de Ribeira de Ferrol, Fene, Mugardos, Neda e A Graña, así como un exemplo dos botes e barcos construídos.

Como exemplo de embarcacións construídas cabe citar, pesqueiros, bucetas, gamelas, chalanas, pailebotes, (buque de 25 metros de eslora con 3 o 2 paos con vela trapezoidal e escandalosa, adicado ao transporte de mercancías), minuetas (bote adicado ao  servizo interior nos distintos arsenais da Armada, de 7,9 metros de eslora), trincados (de 16 a 20 metros de eslora para o transporte de mercancías, dos buque hidrográficos para cruceiros e outras unidades construídas en Ferrol), e as dúas unidades encargadas por Antonio Fernández Fernández, o “Adriano I (1927) e o “Adriano II (1932) que durante anos transportaron aos Gaditanos dende Cádiz ao porto e coñecidos popularmente como “El Vaporcito del Puerto”.

 

Azahara Soilán, Doutora Enxeñeira de Montes centrou o seu relatorio “A Madeira na Construción Naval”, nas características da madeira como material, facendo un repaso polas propiedades físicas e mecánicas que caracterizan o seu comportamento como material estrutural e que a fan idónea para a súa utilización na construción naval. Asimesmo, Azahara repasou as particularidades das especies locais máis empregadas na “Carpintería de Ribeira”, así como aqueles aspectos que condicionan o éxito na súa utilización. Ademais, a presentación abordou outros aspectos da fabricación de produtos derivados da madeira, coa durabilidade e a pegada ecolóxica dos materiais.

 

O último dos relatorios “Carpintería de Ribeira  no Século XXI, Situación e Retos” desenvolvida por Gerardo Triñanes, “Mestre Carpinteiro de Ribeira” ofreceu a descrición da situación actual da carpintería de Ribeira en Galicia, á que considerou como “de naufraxio”. O relator subliñou o valor da Carpintería de Ribeira como un Valor patrimonial e un valor de futuro que é preciso potenciar e conservar. Sinalou o Plan Estratéxico presentado á Xunta encamiñado a protexer as técnicas tradicionais da Carpintería de Ribeira, garantir a súa continuidade e recoñecer institucionalmente o papel do “Mestre Carpinteiro de Ribeira”

A Carpintería de Ribeira foi declarada como un Ben de Interese Cultural, con máis efectos “románticos e culturais” que prácticos. Un logro que valoriza este patrimonio inmaterial, pero que tamén considera novos retos e obxectivos.

Indicou tamén a necesidade de actualizar o Regulamento de inspeccións que sinala a obrigatoriedade de varadas anuais.

Finalmente, explorou as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías (realidade virtual, corte CNC, novos materiais, taboleiros mariños, Epoxi, sistema de baleiro, deseños actualizados) e a proxección de futuro da carpintería de Ribeira, buscando como este oficio tradicional pode adaptarse e atopar o seu espazo no presente e no  futuro, indicando a identificación desta profesión cos requisitos da Axenda 20/30.

 

Tralos relatorios celebrouse  unha mesa redonda, con gran participación e alto número de preguntas por parte dos asistentes e finalizou cunhas verbas por parte da Vicedecana D.ª Beatriz Spuch, que resumiu a xornada, subliñou as  conclusións da sesión e finalizou agradecendo aos poñentes e asistentes a súa presencia na sala.

GALERÍA DE IMAXES

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Tamén che podería gustar...